Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, en Verín levaranse a cabo unha serie de actividades impulsadas polas entidades sociais: FEMURO, CDR Portas Abertas, Asociación Feminista Nosas e Marcha Mundial das Mulleres.
Estas entidades inclúen transversalmente a igualdade de xénero en todas as súas actividades, e conmemorarán este día levando a cabo unha serie de accións na rúa que teñen como obxectivo mostrar e recordar que o movemento feminista continúa moi vivo a pesar da situación social e sanitaria.
Un ano atrás a manifestación organizada por Galegas 8M en Verín atraeu a 6000 persoas baixo o lema “Sen coidados non hai vida”, lema que continúa vixente este ano. Aquela manifestación supuxo un impulso ó movemento feminista en Verín que agrupa a diversas entidades que traballan en rede e actúa no ámbito educativo, social, laboral, asociativo e do activismo.
As actividades que se realizarán o propio día 8 de marzo buscan poñer en valor o espírito comunitario que se respirou na última gran manifestación do ano 2020. A acción máis visible será unha unha escolma de fotografías ubicadas nos lugares que acolleron a manifestación , principalmente a Praza García Barbón, onde terán lugar outras iniciativas co mesmo obxectivo.
O Concello de Verín colabora nesta ocasión a través de paneis colocados nas rúas principais nos que se poderán ler mensaxes feministas. A través das redes sociais invítase á poboación en xeral a que colgue nos seus balcóns prendas violetas ou carteis reivindicativos, como se ten feito noutras ocasións nos balcóns da vila. A Asociación de Empresarias/os de Verín tamén se une á iniciativa decorando os escaparates con motivos feministas.
As actividades de sensibilización que se levan a cabo no CDR Portas Abertas realízanse a través do programa «ELAS Empoderamento, Liberdade, Autoestima, Solidariedade» financiado pola da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, á Agrupación de Entidades Rurais Terra e Xente.